RUTA DA SEARA-LAGOA DA LUCENZA-VIEIROS-A SEARA

PERCORRIDO APROXIMADO: 11,7 km
DIFICULTADE: media
TEMPO ESTIMADO: 5,30 horas


ATENCIÓN!: Este é un sendeiro que discorre na súa meirande parte pola montaña.


É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN FÍSICA E O NIVEL DE CADA PERSOA.

Entre a aldea da Seara e a lagoa de orixe glaciar da Lucenza, no Concello de Quiroga, esténdese unha das rutas de sendeirismo máis destacadas da serra do Caurel.
Para tomar o camiño que une A Seara coa lagoa, debemos saír da aldea á estrada que une as localidades da Cruz de Outeiro e Ferramulín. Ao lado esquerdo da ponte pola que esta estrada cruza o río Selmo, arrinca o camiño. A 200 metros está O Fócaro, unhas das fervenzas máis espectaculares da serra do Caurel, cuns 30 metros de altura e cun caudal bastante estable durante todo o ano. Seguimos polo sendeiro principal ata o quilómetro 1,3 e alí cruzamos o regato que baixa da Lucenza e Porto Murelos polo pontón da Lomeira. 

Dende este punto é posible contemplarmos un dos maiores saltos de auga da serra: a fervenza de Navaregas de preto de 70 metros. Ao saírmos da ponte o camiño circula flanqueado por dous altos valados de pedra e a subida é bastante forte agás nos últimos 200 m. Seguindo un indicador hai que desviarse á esquerda por un sendeiro que baixa algúns metros, cruzamos a pé o pequeno regato do Lago e subimos outros 30 m ata a cunca onde se atopa a lagoa. Ten uns 70 m de diámetro e pode chegar a secarse a finais dos veráns máis secos. É de orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno Superior, hai máis de 16 000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8 quilómetros.
O sendeiro ascende ata a Campa da Lucenza e despois pola pista, en continuo e suave ascenso, chegamos ata o Teso das Papoulas. A continuación, a pista inicia un descenso moi pronunciado en zigzag, nun tramo que non chega aos 300 metros, ata o lugar da Boca da Rogueira. A partir de aquí vai máis ao chan para bordear o monte Formigueiros ata saír a unha bifurcación: o ramal da esquerda leva ao Alto do Couto, pero o percorrido descrito segue de fronte sen desviarse. Neste punto levamos 6,1 quilómetros.
A pista chega a un lugar polo que descendemos lixeiramente chamado Campa da Retorta. A partir de aquí xa se poden ver as veneiras: lugares onde se extraía o mineral de ferro a ceo aberto. Situadas á altura dunha zona achaiada, esténdense por ambas as ladeiras da montaña. Nesta zona, preto do lugar dos Castros, existen dúas explotacións mineiras auríferas soterradas, coñecidas polas xentes do lugar como cova de Arcos e cova de Augas.
Dende aquí empezamos o descenso, acusado durante o último quilómetro. O camiño xira para cruzar o regato do Pontón por unha pequena ponte de madeira. Ao seu carón atopamos o vello muíño de Vieiros. Saímos á estrada por riba da aldea de Vieiros e xa só restan uns 500 m pola estrada para regresarmos de novo ata a aldea da Seara despois de percorrermos un total de 11,7 quilómetros.


No hay comentarios:

Publicar un comentario